Técnico/a Superior de Investigación en Tecnoloxías de Computación Cuántica

Activa
Referencia:

DEEPQUANTUM-26-INV1

Prazas:

1

Descrición do posto

Perfil

O/A técnico/a superior de investigación incorporarase ao CESGA no departamento de Aplicacións e Proxectos na área de Tecnoloxías Cuánticas. A súa función como investigador é contribuír ao desenvolvemento da liña de investigación en computación cuántica, especificamente no referente á execución das tarefas do proxecto DeepQuantum.

A liña de investigación onde se terá que investigar é a referida a Computación híbrida clásico-cuántica. O obxectivo desta liña é desenvolver tecnoloxías que permitan a construción e o uso eficientes de sistemas de computación de alto rendemento que inclúan unidades de procesamento cuántico (QPU) como elementos de computación en cada nodo, capaces de comunicarse cuanticamente entre sÍ. Para este fin, a liña de investigación incluirá proxectos dirixidos a acadar esta arquitectura (como a mellora entre interfaces clásicas e cuánticas, a definición e construción de redes de comunicación híbridas orientadas á computación de alto rendemento, ferramentas de programación, monitorización de infraestruturas e contabilidade de acceso, etc.), para desenvolver ferramentas que permitan a emulación de infraestruturas, para aplicacións de computación híbrida clásica-cuántica con ou sen paralelización, para a aplicación da Intelixencia Artificial á computación híbrida e para a definición de benchmarkings que permitan avaliar a evolución dos entornos de computación híbrida.
O técnico superior de investigación deberá focalizar o seu traballo de investigación nas tarefas e obxectivos definidos no proxecto DeepQuantum. Os obxectivos específicos deste proxecto son:

  • Obxectivo 1: Mellorar os algoritmos paralelos de última xeración para os Algoritmos Cuánticos Variacionais, avaliar a súa fiabilidade e deseñar as novas técnicas e algoritmos para acadar estes obxectivos, en modelos HPQC e HTQC.
  • Obxectivo 2: Desenvolver unha versión mellorada do conxunto de benchmarking TNBS con máis casos, mellorando o soporte do paralelismo e incluíndo casos para probar futuras unidades cuánticas distribuídas unidas por redes cuánticas.
  • Obxectivo 3: Mellorar a integración de ordenadores cuánticos e clásicos.
  • Obxectivo 4: Deseñar e avaliar novos algoritmos de IA e aprendizaxe automática cuántica para series temporais multivariante con aplicación á detección de anomalías entre datos, é dicir, inconsistencia nos valores das diferentes series temporais que compoñen a multivariante.
  • Obxectivo 5: Desenvolver novos algoritmos paralelos que poidan aproveitar as infraestruturas de HPQC.

É desexable que conte con suficiente coñecemento de ferramentas de desenvolvemento e xestión de código, especialmente Python ou C/C++ e de paralelización con fíos ou distribuída e con experiencia na execución de programas cuánticos ou híbridos en unidades de computación cuántica reais e emuladas.

Ademáis deberá axudar a consolidar a actividade internacional do grupo, polo cal é imprescindible a dispoñibilidade para viaxar (fundamentalmente a outros estados da Unión Europa) e facer curtas estancias de investigación en outros centros de interese para a liña de investigación, que poidan fortalecer as relacións con outros grupos de investigación de referencia na área. A colaboración con outros centros do proxecto pode necesitar facer estas viaxes a nivel internacional.

Búscase, por tanto, unha persoa formada en técnicas de computación cuántica, motivada, cun CV axeitado para desenvolver a súa actividade de investigación predoutoral con posibilidade de que sexa o seu traballo doutoral no campo do software para a computación cuántica e as súas aplicacións, cunha orientación á computación cuántica de altas prestacións.

Titulación: A titulación superior (Nivel 3) que deberá estar adscrita nalgún dos seguintes ámbitos do coñecemento, segundo o Real Decreto 822/2021 (Anexo I):

  • Ciencias da Terra.
  • Física e astronomía.
  • Enxeñaría eléctrica, enxeñaría electrónica e enxeñería da telecomunicación.
  • Enxeñaría industrial, enxeñaría mecánica, enxeñaría automática, enxeñaría da organización industrial e enxeñaría da navegación.
  • Enxeñaría informática e de sistemas.
  • Enxeñaría química, enxeñaría dos materiais e enxeñaría do medio natural.
  • Matemáticas e estatística.
  • Química

Transitoriamente, para titulacións non adaptadas ao novo marco, serán válidas aquelas adscritas a algunha das seguintes ramas do coñecemento, segundo o Real Decreto 1393/2007 :

  • Ciencias.
  • Enxeñaría e Arquitectura.

Experiencia: Requírese estar matriculado nun programa de doutorado dalgunha das Universidades galegas relacionado coa computación ou as tecnoloxías cuánticas.

Idioma: Inglés nivel C1. As persoas candidatas deben especificar o seu nivel de inglés no currículum presentado, respaldado por acreditación ou certificado oficial. Se non hai tal documentación disponible, debe realizarse unha proba de competencia lingüística.

Outros: Non ter desfrutado dun contrato predoutoral anteriormente.

Duración do contrato e condicións laboráis

  • Indefinida, cunha duración aproximada inicial ata o 31 de agosto de 2028, suxeita a continuidade á existencia de financiamento suficiente para manter a liña de investigación.
  • Xornada laboral completa de 39 h. en horario de inverno e 35 horas en horario de verán, con flexibilidade horaria e posibilidade de teletraballo.
  • 22 días de vacacións e días de asuntos propios.

Salario

33.804,82 € brutos anuais en 14 pagas.

Ubicación

CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) - Fundación pública pioneira na computación de altas prestacións, situada no centro da cidade de Santiago de Compostela, no campus universitario, pulmón verde da cidade. 

Avenida de Vigo, s/n, 15705 - 42º52.539 N 8º33.196 W.

Funcións

As necesarias para a o desenvolvemento adecuado da liña de investigación.

  • Investigación e execución de tarefas de investigación e técnicas como son o deseño, programación e avaliación de algoritmos baseados en técnicas de computación híbrida clásico-cuántica, e definición e execución de benchmarks para unidades de computación cuántica.
  • Documentación e mantemento do software desenvolvido.
  • Publicación de resultados en revistas, conferencias e demais medios de comunicación e difusión de resultados.
  • Coordinación con socios, coas entidades financiadoras, os provedores, socios e subcontratas do programa de investigación e os diferentes proxectos.
  • Vixilancia tecnolóxica: Busca e análise da documentación científica e técnica relacionada coa temática da liña de investigación, tanto de publicacións científicas como de patentes.
  • Execución doutras tarefas asociadas co correcto desenvolvemento da liña de investigación: asistencia a reunións, participación en conferencias e cursos, elaboración de informes, realización de presentacións, xeración de material promocional, formación sobre as técnicas utilizadas.
  • Outras tarefas necesarias para a realización da liña de investigación.

Documentación requirida

Modelo solicitude (Anexo I) Obrigatorio
Curriculum Vitae Obrigatorio
Data de publicación: 15/04/2026 08:30
Límite de presentación: 29/04/2026 14:00
Presentar Candidatura

Se estás interesado nesta oferta, completa o formulario de candidatura.


Información importante:

  • Revisa todos os campos obrigatorios
  • Sube os documentos en formato PDF
  • Verifica que o teu email sexa correcto
  • Recibirás confirmación por email
Contacto
Email:

emprego@cesga.gal

Teléfono:

+34 981 56 98 10